08/05/2008
Bolsas do Museo
Dende o vindeiro mércores 21 de maio estarán dispoñibles na páxina web do museo, e no taboeiro de anuncios do Concello de Vigo, as listas provisionais dos/as bolseiros/as admitidos/as á vixente convocatoria de bolsas do museo.
02/04/2008
Convocatoria de bolsas de formacion e colaboración do Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León"- 2008
Data de publicación: 02/04/2008 Data de fin de plazo: 15/04/2008
1. O obxecto é a convocatoria, en rexime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, de catro (4) bolsas de formación e colaboración para o museo municipal: dúas (2) no departamento de arqueoloxía; unha (1) no departamento de arte; unha (1) no departamento de acción didáctica.
2. Os/As bolseiros/as destinados nos departamentos de arqueoloxía e arte colaborarán nos proxectos de investigación do museo vencellados ao inventario, catalogación e restauración de fondos das súas colección de arqueoloxía e arte respeitivamente.
3. O/A bolseiro/a destinado no departamento de acción didáctica colaborará nos proxectos de dinamización e promoción das coleccións do museo municipal; particularmente entre a comunidade educativa.
Documentación:
02.02.2008
REVISTA CASTRELOS, primeiro número da segunda etapa
Tal e como viña sendo habitual na primeira etapa a REVISTA organiza os seus contidos nas áreas de traballo do museo municipal: arqueoloxía, arte, historia da cidade; engadindo un apartado especial para museoloxía.
ARQUEOLOXÍA
A prehistoria da comarca viguesa e a época romana da área municipal centran o apartado de arqueoloxía da revista cos seguintes artigos.
O Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo avanza os resultados da súa escavación da Villa romana de Mirambell, en Toralla (autores: Fermín Pérez, Santiago Vieito e Adolfo Fernández). Ademais presenta un estudio de determinadas cerámicas finas de época tardorromana achadas na rúa Rosalía de Castro (autores: Adolfo Fernández e Purificación Soto) en 1992.
Os arqueólogos Soledad Prieto, Juan C. Carrera e Paula Paredes ocúpanse dun Solidus atopado en excelente estado de conservación. Esta moeda, do século V. d. C., emperador Constantino III, foi achada nunha intervención feita nas rúas Juan Ramón Jimenez e Marqués de Valterra en 2004.
A arqueóloga e doutora en Historia Rosa Villar expón as principais conclusións do seu traballo acerca da colección de materiais líticos prehistóricos doados por D. Pedro Díaz ao museo municipal en 2001.
A construcción irregular dunha pista nos montes de Coruxo motivou a aparición de diversos materiais líticos de época paleolítica oportunamente recuperados polo clube espeleolóxico Maúxo. José Bernardino Costas, Xavier Groba e Eduardo Méndez dan conta destes achádegos depositados no museo municipal “Quiñones de León”.
ARTE
A sección ARTE presenta tres artigos.
O académico Francisco Pablos realiza un interesante estudio acerca do cadro “Bebedores” do pintor barroco galego Antonio de Puga pertencente á pinacoteca municipal viguesa.
Un artigo do investigador José María Peláez descúbrenos a discípula de Sotomayor, a pintora Marisa Roesset a través do seu cadro “Nena aldeá de Galicia”.
As artes decorativas están presentes neste capítulo a través do artigo de Vicente Caramés, do Museo do Mar de Vigo; e Fátima Cobo, do Museo de Pontevedra; dedicado á porcelana chinesa atopada no Parque da Palma de Baiona.
HISTORIA
O capítulo reservado á Historia da cidade reúne unha interesante colección de artigos referidos a aspectos diversos da historia de Vigo na súa idade moderna e contemporánea.
Dous personaxes vigueses de gran transcendencia local e nacional encabezan esta sección: Eijo Garay, a través do álbum homenaxe que se lle fixo ao bispo en 1930 e que se conserva no arquivo municipal (autor: Bernardo Vázquez Gil, cronista oficial da cidade); e Vázquez Varela, na pouca coñecida faceta do alcalde da Reconquista como letrado da corte de Fernando VII (autor: Juan Miguel González, membro do Instituto de Estudios Vigueses).
Dúas coleccións históricas vencelladas ao Concello de Vigo tomarán maior relevancia agora grazas aos artigos de Rafael R. Fernández-Broullón, autor do primeiro estudio exhaustivo da colección heráldica de Castrelos e do que fai na revista un interesante resumo; e Rafael Sisto Edreira que revela o gran valor que posúe a colección instrumental do Laboratorio Municipal parte da cal exponse de xeito permanente nos baixos da Casa do Concello na praza do Rei.
Finalmente o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Anxo S. Porto realiza unha interesantísima aproximación a Institución Libre de Enseñanza en Vigo a través da aparición na cidade da Escola de Artes e Oficios.
MUSEOLOXÍA
No capítulo final dedicado a museoloxía Dámaso Peinado, de CROA Consultores, expón un análise pormenorizado dos traballos de restauración levados a cabo nas dúas bandeiras da Reconquista viguesa, depositadas no museo municipal.
04.02.2008
Avance da programación 2008
A concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, presentó este venres a programación do museo de Castrelos para 2008, centrada no inventario e a catalogación de fondos, a convocatoria de bolsas de formación e a organización de exposicións temporais. Ademais, a concelleira nacionalista, que no acto estivo acompañada polo director do museo, José Ballesta, salientou o obxectivo de poñer en valor as obras da colección permanente, así como adicar atención á obra de Lugrís, do que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento.
"A campaña de divulgación das coleccións municipais de arte, arqueoloxía e historia baixo o lema Coleccións Municipais. Un tesouro por descubrir, é outro dos aspectos que se levarán a cabo neste ano", salientou Elena Maure, quen indicou que se editarán e instalarán carteis e mupis nos meses de xaneiro, xuño e outubro, así como calendarios do 2008, láminas e postais das coleccións para achegar a toda a cidadanía as obras existentes no museo. Neste sentido renovarase a páxina web do museo, coa posta ao día de imaxe e contidos e a inclusión de novos catálogos on-line, como "Castelao: cousas da vida", ou "Colección municipal de reloxos", a posibilidade de descargar as revistas Castrelos do número 1 ao 12 e a inclusión da lingua inglesa.
No tocante ás coleccións dos departamentos de arte e historia, as prioridades centraranse no inventario e catalogación de fondos, a revisión dos valores da colección de arte e a restauración das obras de cabalete de Urbano Lugrís existentes no museo municipal, "Habitación de vello mariño" e "Fiestra". No departamento de arqueoloxía, ademais de levarse a cabo o inventariado e catalogación de fondos, convocaranse tres bolsas de formación e colaboración para o período do 1 de abril ao 30 de novembro, dirixidas a diplomados ou licenciados universitarios especializados en historia da arte, arqueoloxía ou maxisterio. Dúas bolsas serán para o departamento de arqueoloxía, e terán o cometido de consolidar os proxectos xa existentes no museo, mentres que a restante será para o departamento de acción didáctica, adicada á posta en marcha de novos programas educativos. A previsión da cuantía de cada bolsa é de 800 euros mensuais.
A organización de exposicións temporais é outro dos aspectos nos que se quere facer fincapé, segundo subliñou a concelleira de Patrimonio Histórico, de xeito que do 27 de febreiro ao 27 de abril o museo acollerá a mostra "Artifex. Enxeñería romana en España", na que se pretende dar a coñecer o legado técnico da enxeñería romana a través das súas innovacións e logros en diversos ámbitos. A mostra efectúa un percorrido polos diferentes avances técnicos dos romanos na súa enxeñería civil, de manifesto nas calzadas, acueductos, pontes e explotacións mineiras, entre outras infraestruturas do seu tempo.
Do 16 de maio ao 6 de xullo, e co gallo da dedicación do Día das Letras Galegas 2008 ao escritor Xosé María Álvarez Blázquez, o museo municipal pon en marcha a exposición "Álvarez Blázquez, arqueólogo. A cidade e os días da arqueoloxía viguesa", centrada precisamente na súa faceta como arqueólogo particularmente pola súa relación co museo municipal, no que ocupou o cargo de xefe do departamento de "Historia de Vigo e a súa comarca" e impulsou a creación da sala de arqueoloxía do museo, ademais de ser responsable dun gran número de depósitos. A exposición estará integrada por abundante material documental, así como obras do seu legado e pezas atopadas por el.
Do 24 de xullo ao 21 de setembro o museo acollerá a mostra "Arte e solidariedade. Os pintores españois e o cartelismo político". Organizada pola fundación 10 de marzo, é o resultado da selección dos máis de 15.000 carteis que pertencen á rede de arquivos históricos de CC.OO, entre cuxos autores están Picasso, Miró, Alberti, Joan Brossa, Ibarrola, Tàpies, e, entre os galegos, o recentemente falecido Xaime Quessada.
Finalmente, do 9 outubro ao 11 xaneiro de 2009, terá lugar a mostra monográfica "A habitación baleira. En torno ao mais misterioso cadro de Urbano Lugrís", organizada co gallo do centenario do nacemento do pintor (1908-1973). A exposición plantexarase como unha reflexión sobre o máis célebre cadro do artista na súa colección e se pretende levar a cabo un exhaustivo estudio acerca da obra achegándose ao contexto da súa creación, á iconografía dos seus motivos, que permitan un mellor coñecemento do artista e da súa obra.
01.04.2008
DENDE MAÑÁN 2 DE ABRIL A EXPOSICIÓN ARTIFEX PODE VISITARSE TAMÉN EN HORARIO DE MAÑÁ
1.800 visitantes nun só mes avalan o éxito da exposición “Artífex. Enxeñería romana en España” no museo de Castrelos.
Pola reiterada demanda o museo abrirá para visita libre a exposición tamén en horario de mañá, 10.00 a 13.30 horas, a partir de mañan mércores 2 de abril.
A visita guiada para grupos e o obradoiro de actividades atópase totalmente coberto ata final de exposición.
02.02.2008
DÚAS DAS PEZAS DE MAIOR VALOR HISTÓRICO DA CIDADE DE VIGO VIAXAN A MADRID Á EXPOSICIÓN “A NACIÓN EN ARMAS” QUE INAUGURA O VINDEIRO 12 DE FEBREIRO NO ANTIGO CENTRO CULTURAL DA VILLA
O vindeiro 12 de febreiro inaugura en Madrid a exposición, organizada pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, “España, 1808-1814: La Nación en armas”. Esta magna mostra conta con pezas relacionadas coa guerra da independencia española procedentes de toda España.
Vigo participa con dúas das pezas máis importantes da colección histórica de Castrelos, vencelladas ao episodio da Reconquista:
Sable do Mariscal Soult, nº inv. 7612
A propiedade do sable do Mariscal Soult está atribuída a este lugartenente de Napoleón que tendo previsto acudir a Vigo enviou, como era costume, a súa impedimenta persoal previamente á súa chegada. Cando se produciu a accidentada retirada dos exércitos franceses, sen ter chegado Soult á cidade, as súas equipaxes quedaron en poder dos vigueses, entre elas, a prezada posesión do mariscal.

Trátase por tanto dunha peza excepcional tanto pola súa singularidade en Europa como para a nosa cidade polo que ten que ver co episodio histórico da Reconquista.
Bando de Cachamuiña, nº inv. 8265
O bando de Cachamuiña foi redactado polo capitán e gobernador militar de Vigo dese alcume, Bernardo González del Valle, no día seguinte da Reconquista (29 de marzo de 1809), chamando ao orde e a tranquilidade da vila trala toma da cidade. Ten polo tanto un alto valor histórico pola súa data e polo seu autor cuxa aura mítica como “reconquistador” da cidade ten transcendido á cidadanía que o ten convertido nun persoeiro popular.

ACTIVIDADES DE NADAL ENTRE OS DÍAS 27 DE DECEMBRO E 4 DE XANEIRO
Co gallo das festas de nadal o museo municipal “Quiñones de León” organiza unha programación especial entre os días 27 de decembro e 4 de xaneiro de 2008.
Programa de man das actividades de Nadal (PDF)
28 de decembro: "CON LE STELLE. Concerto de música de nadal"
O venres 28 de decembro, ás 20.30 hs, o grupo de música antiga Resonet dará o concerto “Con le Stelle” no que se interpretarán varias pezas de música culta e popular propias do nadal en Europa. A actividade é libre e gratuíta ata completar o aforamento (100 persoas).
O grupo compostelán Resonet foi fundado en 1990 coa finalidade de interpretar música antiga europea, en especial a relacionada con Galicia. Desenvolve a súa actividade por toda Europa e estará formado, para esta ocasión, por Mercedes Hernández e José Enrique Pedrosa, canto; Carlos Castro, percusións; e Fernando Reyes, cítola, viola de man, guitarra barroca e tiorba.
O repertorio que interpretarán comprende obras de Afonso X o Sabio; os Cancioneiros da Colombina e Upsala (ss. XV e XVI); así como pezas populares españolas e galegas típicas do nadal.
Do 26 de decembro ao 04 de xaneiro: "OBRADOIRO DE ACTIVIDADES PARA NENOS E NENAS"
Entre o mércores 26 de decembro e o venres 4 de xaneiro desenvolverase na biblioteca do museo un obradoiro de actividades dirixido a nenos e nenas de entre catro e doce anos. A duración do obradoiro é de dúas horas, polas mañás de 11 a 1; e polas tardes de 17.30 a 19.30. A entrada é gratuíta e sen reserva ata completar o aforamento que se completará por orde de chegada ao museo (25 nenos por obradoiro).
Días programados:
-
Decembro: mércores 26, xoves 27, venres 28 e domingo 30 de 11.00h a 13.00h. Sábado 29 de 17.30h a 19.30h.
-
Xaneiro: Mércores 2, xoves 3, venres 4 de 11.00h a 13.00h.
25.12.2007
SOLICITA O TEU CALENDARIO LUGRÍS 2008 ANTES DE QUE SE ESGOTE. É GRATIS.
Podes reservar o calendario editado polo museo municipal para 2008 dedicado, no centenario do seu nacemento, ao pintor galego Urbano Lugrís (1908-1973) e ao seu mural “Misterios do Mar”, exposto en Castrelos de xeito permanente.
O mural “Misterios do Mar” é un dos tres que o artista pintou para o antigo Hotel Moderno, da Porta do Sol, en 1953, por encargo do empresario cinematográfico vigués Cesáreo González cando mercou e remodelou o edificio.
Lugrís pintou outros dous murais máis para o mesmo espazo que o concello posúe en Castrelos: “Mapa de Galicia” e “San Telmo”. Colmeiro fixo catro murais no edificio dedicados ás estacións, tres dos cales ten o concello na praza do Rei; e o cuarto Caixanova na súa colección de arte galega.
No mural poden verse o amplo repertorio de motivos que adoitaba empregar o pintor do mar: buguinas, peixes, barcos, baleas e monstros mariños, ... entre os que destaca a misteriosa dama con anteollos correspondente ao mes de xaneiro.
Este calendario está dispoñible gratuitamente solicitándoo vía correo electrónico a museocastrelos@vigo.org e recolléndoo no propio museo ata que se esgote
27.11.2007
PROGRAMA DE ACCIÓN DIDÁCTICA: "MUSEO ABERTO"
O museo municipal "Quiñones de León" ofrece ata mediados do mes de decembro un programa didáctico denominado MUSEO ABERTO, mediante o cal os grupos de visitantes teñen a posibilidade de ter visitas guiadas polo pazo de Castrelos, e os xardíns -se o tempo o permite-.
O programa ten lugar polas mañás de MARTES e XOVES, comezando ás 10.00 horas; e ás 12.00 horas. Pódese consultar a dispoñibilidade de días alternativos.
Pode solicitarse nos teléfonos do museo: 986 29 50 70 / 986 29 50 75
A duración estimada da visita é de 60 minutos.
Vai dirixido fundamentalmente a comunidade escolar; anque admítense tamén outra clase de visitantes.
Ofrécense tres itinerarios posibles:
- Pazo e pinacoteca antiga (séculos XVI – XIX)
- Pinacoteca galega contemporánea (século XX)
Calquera dos dous anteriores + Xardíns históricos (dependendo do tempo)
14.11.2007
MUSEO MUNICIPAL “QUIÑONES DE LEÓN”. PECHE POR ACTO OFICIAL
Por mor de acto oficial, comunícase que o vindeiro VENRES, día 16 de novembro, a partires das 12.00 horas, o museo estará pechado, retomando o horario normal á súa finalización. Pregamos disculpen as molestias.
28.06.2007
Recital de poemas de Wislawa Szymborska: "A propósito do Instante"
Con motivo da exposición "Admirar o tempo", o Museo municipal de Vigo “Quiñones de León” organiza unha xornada poética adicada á premio nobel polaca Wislawa Szymborska que consistirá nunha lectura escollida dos seus poemas a cargo de tres estudiantes universitarios polacos en formación na Universidade de Vigo. En polaco e en galego.
28 de xuño de 2007. 20.30 h.
Entrada libre e gratuíta ata completar aforo.
Programa do recital (PDF)
18.05.2007
Actividades do Día Internacional dos Museos
Un ano máis o museo municipal de Vigo "Quiñones de León" súmase á celebración internacional do Día dos Museos con diversos actos que se desenvolverán, mañan e tarde, o vindeiro venres 18 de maio. Este ano o lema elexido polo ICOM é "Museos, patrimonio universal", é dicir quere reivindicarse a importancia do museo como responsable da protección de bens que son universais, de toda a humanidade, no presente e para o futuro. Independentemente da maior ou menor entidade do museo, do número de visitantes que teña, da valía dos bens que custodie, cada museo, en cada escala, ten a obriga, e polo tanto as administracións que os xestionamos de conservar, protexer, difundir, investigar,... os bens que lles foron legados. Neste sentido reivindicase a colección como fundamento do museo nun tempo no que esta institución tende a convertirse nun parque temático onde prima o espectáculo. Por eso os actos que hoxe facemos, teñen por interese convidar á comunidade a achegarse o museo local e coñecer ás magníficas coleccións de Castrelos a través de amenas visitas guiadas.
Anque haberá actos pola mañan, dirixidos a grupos específicos, os actos públicos desenvolveranse propiamente pola tarde
En primeiro lugar haberá visitas guiadas, en grupo, e gratuítas, para todo aquel que queira achegarse ao museo ás cinco, seis ou sete da tarde, dirixidas por monitores que conducirán os visitantes por aspectos pouco coñecidos do pazo e dos seus xardíns.
Xa entrando a noite, ás nove e media, desenvolverase o acto principal do Día: un concerto de música medieval, a cargo do grupo femenino Sete Saias, que interpretaran o patrimonio artístico que de xeito máis rotundo Vigo, e a súa ría, ten legado á humanidade: as belas cantigas de amigo de Martín Codax. Este acto, dunha hora aproximada de duración, terá lugar ante a faciana iluminada do pazo. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.
Máis información
02.04.2007
Unha obra do legado Policarpo Sanz elixida imaxe da mostra da fundación Carlos de Amberes en Madrid
A Morte de Lucrecia, do pintor francés De Troy, pertencente á Colección de Castrelos-Legado Policarpo Sanz, foi elixida imaxe da exposición A xustiza na arte que se está a desenvolver na Fundación Carlos de Amberes, Madrid, ata o vindeiro 22 de abril.
A obra foi cedida para esta exposición á Comunidade de Madrid, xunto a outras estrelas da colección municipal como Níobe, de Jean Honore Fragonard; ou A morte de Catón, de Guillaume Lethiere, obras que poden ser vistas habitualmente no museo xunto a outras espléndidas pezas de pintura francesa.
A difusión do Legado Policarpo Sanz por internet, a través da páxina web do museo, está a producir a crecente atención de investigadores e comisarios cara a estas obras practicamente descoñecidas a nivel nacional ata a súa plena recuperación no ano 2000.
A Morte de Lucrecia foi moi apreciada polos organizadores da citada exposición e resulta visible dende finais do mes de marzo en todo Madrid en toda clase de soportes publicitarios e gráficos: mupis; autobuses; prensa, revistas especializadas.
TROY, Jean François de INV. 427 A morte de Lucrecia Óleo/tea 75 x 93 cm. Procedencia e entrada no museo: Madrid, 1935 |
 |
22.12.2006
Horario das Festas do Nadal 2006-2007
A exposición e o Museo permanecerán:
-
Pechados os días 25 de decembro e 1 de xaneiro
-
Abertos os días 24 e 31 de decembro; 5, 6 e 7 de xaneiro, nos horarios correspondentes.
19.10.2006
Reapertura da sala de Arqueoloxía
Reanúdase a actividade da Sala de Arqueoloxía do Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" despois de traballos internos, obras de mellora e reordenación da súa exposición permanente.
Máis información:
16.05.2006
Visitas guiadas no Museo "Quiñones de León" con motivo do Día dos Museos.
Cada ano, dende 1997, celébrase o Día Internacional dos Museos ao redor da data do 18 de maio. Esta xornada é unha ocasión para o reencontro co público e trata de sensibilizar sobre os desafíos que deben afrontar os Museos que, según a definición do ICOM, son unha institución ao servizo da sociedade e do desenvolvemento. 
Os museos son un medio importante de intercambio cultural, enriquecimento de culturas e de comprensión mutua.
Con motivo do Día Internacional dos museos, o Museo Municipal "Quiñones de León" oferta un servizo de visitas guiadas os días 17 e 18 de maio, mércores e xoves.
O horario de apertura nestas xornadas será:
Visitas guiadas de grupos
Os días 17 e 18 organizaranse grupos na entrada do museo para realizar visitas guiadas, sen necesidade de reserva ata un máximo de 30 persoas. Os percorridos guiados iniciaranse ás seguintes horas:
-
Mércores 17: cada media hora entre as 10’00 e as 13’00 e entre as 17’00 e as 19’00 h.
-
Xoves 18: ás 11’30, 12’15, 13’00, 17’00; 17’45; 18’30 e 19’15.
Os grupos con guía propia deberá comunicar a súa visita ao museo, con antelación.
Ademais, o xoves día 18 espéranse visitas de grupos de turistas franceses e dun grupo de estudantes de Palermo que realizan actividades de intercambio cun instituto vigués.
27.03.2006
O Museo “Quiñones de León” agasalla aos seus visitantes con libros de historia local.
O Concello de Vigo ven de editar o libro “Aconteceu en marzo” de que é autora Modesta Regueira Núñez, con ilustracións de Jorge Magutis, e que novela os feitos históricos acontecidos en marzo de 1809 con motivo da Reconquista de Vigo.
O Museo Municipal “Quiñones de León”, para conmemorar esta festa agasalla aos seus visitantes con exemplares do libro “Aconteceu en marzo” e con outras dúas publicacións de historia local, mentres se dispoña de exemplares (“Del siglo de la Reconquista” e “La batalla de Rande”).
 |
 |
 |
| La Batalla de Rande |
Del siglo de la Reconquista |
Aconteceu en marzo |
Petición das publicacións e reserva
Para procurar estas publicacións compre solicitalas previamente, por teléfono, correo electrónico ou fax.
Tfno: 986- 295 070 / 75. Fax: 986-239 372 Email: museocastrelos@vigo.org
Teléfonos: Dende Vigo: 010 / Dende fóra de Vigo ou móbil: 986 810260. Fax: 986 810263 E-mail: 010@vigo.org ou oficina.010@vigo.org Horario: luns a venres de 8:00 a 20:00 horas; sábado de 10:00 a 14:00 h
As publicación solicitadas resérvanse durante o mes de abril, a partir do 1 de maio quedarán a disposición do Museo se non foran retiradas.
21.11.05
A sala de arqueoloxía do Museo de Castrelos permanecerá pechada por obras de acondicionamento
As actuacións permitirán recuperar a capela e construir un acceso para minusválidos
A sala que alberga a exposición permanente de arqueoloxía do Pazo-Museo Quiñones de León permanecerá pechada debido a realización de obras de mellora nas instalacións.
As obras de mellora na sala de arqueoloxía, que recibe habitualmente unha gran afluenza de visitantes, fanse necesarias debido ao deficiente estado de conservación no que se atopa debido as filtracións de humidade e o deterioro dos revestimentos.
Deste xeito, ademais de levarse a cabo a eliminación de barreiras arquitectónicas para facilitar o acceso a minusválidos, acondicionaranse a súa iluminación e os niveis de humidade.
Por outra banda, levarase a cabo unha reordenación dos accesos que inclúe a mellora da iluminación e da sinalización existentes na actualidade e a redución da humidade.
Estas obras de acondicionamento permitirán recuperar a capela, polo que deixará de ser un mero corredor e pasará a ser un espazo cun valor por sí mesmo coa rehabilitación do seu retablo.
O acceso farase por unha porta secundaria que estará debidamente sinalizada (área administrativa).
31.10.05
O QUE EU VIVÍN EN BOUZAS.
Un documental do museo municipal de Vigo “Quiñones de León”
Estrea: xoves, 3 de novembro, ás 20.30 horas no auditorio da A.VV. de Bouzas “Dr. Casás”
Con motivo da celebración, en 2004, do centenario da agregación do concello de Bouzas ao de Vigo arrancou a produción dun documental do museo municipal que agora ve a luz.
O documental O que eu vivín en Bouzas é a historia da vella vila, nos últimos cen anos, a través do relato de varios veciños nacidos todos ao longo do século XX.
O testemuño máis antigo é verdadeiramente excepcional. Corresponde a Ana Rodal, de 102 anos de idade, nacida, polo tanto, cando Bouzas era aínda concello independente. Os demais testemuños, tamén de grande interese, pertencen a xente de diversas idades e formas de vida, nacida en Bouzas ou arraigada no barrio posteriormente: mariñeiros, patróns, industriais, músicos, etc. Cada persoa achega un pequeno anaco da súa vida para conformar a historia xeral de Bouzas durante o pasado século.
O documental, de 50 minutos de duración, producido integramente polo equipo do museo municipal, estrearase o vindeiro xoves 3 de novembro ás 20.30 horas no auditorio da Asociación de Veciños de Bouzas “Dr. Casás”, na rúa do Pazo, nº 2.
A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.
03.10.05
O MUSEO “QUIÑONES DE LEÓN” RECUPERA O LIBRO DE VISITAS DO PAZO DE CASTRELOS DO PERÍODO 1913-1935
O libro obtívose a través dunha poxa pública celebrada na cidade inglesa de Bristol o pasado 20 de xullo. Intensas xestións do museo permitiron participar na poxa, a través dun comisionista, de xeito que tras competir en diferentes poxas o libro, que saía a un prezo de 70-100 libras, puido ser adquirido polo museo pola cantidade de 689,50 € (470,52 libras).
Este libro, xunto co volume do período posterior –tamén de interese posto que aparecen sinaturas de ilustres visitantes como Eva Perón, Vicente Aleixandre, Rafael Alberti, etc.– poderán verse proximamente de xeito permanente nas salas do pazo.
É probable que o libro de visitas o levase con ela a Sra. Whyte, viúva do marqués de Mos e Valadares, cando abandona o pazo de Castrelos a cambio do pagamento das 125.000 ptas que obtivo por parte do Concello.
O libro ten unha importancia extraordinaria tanto para o museo como para a cidade de Vigo, pois permite obter novos datos acerca dun momento pouco documentado da historia deste pazo. Entre as sinaturas dos convidados destacan especialmente, a páxina completa, as sinaturas do Rei Afonso XIII e a súa dona Vitoria Euxenia que, consta, visitaron Castrelos en 1927. Embaixadores, ministros, políticos, como José Calvo Sotelo, e persoas da alta sociedade viguesa e estranxeira, especialmente ingleses, asinan no libro cunha asiduidade que presenta á Sra. Whyte como unha persoa moi ben relacionada tanto cos seus compatriotas como coa cidade de Vigo.
En 1931 o libro interrómpese no que respecta a Castrelos e a continuación aparecen capítulos relacionados con outros lugares, probablemente residencias da Sra. Whyte, como Villa Danica (1931-1932), Les Iris (1932-1936) e Montecarlo (1939). Nestas últimas páxinas destacan as sinaturas dos escritores británicos Somerset Maugham, novelista, e Sir Osbert Sitwell, poeta e ensaísta; así como os Srs. Keppel, representantes da máis alta aristocracia de Inglaterra e moi vencellados á corte inglesa; en concreto, ela foi “mistress” ou amante –segundo se conta– do rei Eduardo VII e bisavoa de Camila Parker Bowles.
Xunto as case catrocentas sinaturas do libro aparecen fotografías e debuxos, algúns dos cales son de Biarritz, onde o Marqués de Alcedo tiña casa, e outros do pazo de Castrelos do cal aparece un interesante debuxo.
26.09.05
PRETO DE 9.000 PERSOAS VISITARON XA A EXPOSICIÓN “PARA O DEUS BEROBREO”

Dado o éxito de público a mostra prorrógase ata o 27 de novembro.
Na exposición preséntase, cun formato audiovisual moi atractivo, a historia do santuario prehistórico do deus Berobreo, no alto do Monte do Facho, en Donón (Cangas do Morrazo); e do xacemento arqueolóxico que por vez primeira vez estudiárono investigadores vencellados ao museo municipal de Vigo como D. Enrique Massó, D. José Suárez e D. José María Álvarez Blázquez.
En atención á demanda dos profesores, o museo programa visitas de estudiantes de secundaria á exposición todos os martes e xoves en horario de mañá. Máis información no teléfono 986 29 50 70.
|