Volver a portada castellano
                                   
| |  

Pinacoteca galega contemporánea
imprimirimprimir
2º metade do século XX (Salas 2.7 - 2.8)

Salas 2.7.- 2.8. - Vigo e Galicia, territorios da movida na aldea global

Man e serpe. Menchu Lamas. n.1954. Acrílico sobre tea.
Man e serpe. Menchu Lamas. n.1954. Acrílico sobre tea.

Os oitenta son o gran momento da “movida”, pero sobre todo da redefinición de camiños persoais, estéticos e ideolóxicos, tralas dúbidas de identidade e a desaparición dos vellos sistemas artísticos ou políticos que estruturaran a sociedade occidental durante máis dun século. En Galicia estes ideais cristalizaron nunha cidade: Vigo, e chegaron nun movemento: Atlántica, que supuxo a evidencia plástica da entrada de Galicia na posmodernidade, rompendo definitivamente co costumismo trasnoitado para abrirse ao mundo dende os sinais de identidade propios, todo isto coincidindo, claro está, cos aires de liberdade que traería  a estreada democracia no país.

En primeiro lugar, expóñense as obras dos pintores máis veteranos (LODEIRO, DATAS, HUETE, QUINTANA MARTELO, GOYANES, etc...) acompañados do escultor SILVERIO RIVAS que evoluciona na investigación sobre a ensamblaxe de elementos nas pezas.

Carroña. Francisco Leiro. n.1957. Madeira de carballo.
Carroña. Francisco Leiro. n.1957. Madeira de carballo.

Na última sala expóñense obras dos representantes máis novos de Atlántica que con Anxel Huete constituíron o núcleo  fundador: Guillermo MONROY, Antón PATIÑO e Menchu LAMAS. Nas obras destes artistas temos xa unha arte distinta, encarnación dos ideais dos oitenta e que, sobre a premisa da consecución dunha pintura-pintura bebe de todos os expresionismos anteriores, dotándoos dunha nova identidade. A filiación expresionista, aínda máis narrativa, constitúe tamén a armazón das obras de Xavier CORREA CORREDOIRA e Manuel MOLDES que presenta nesta sala unha da súas obras mestras: “O avó”

Expresionismo obvio, monumentalidade ata o colosalismo, reinterpretación do vello oficio escultórico da tradición galaica, moita retranca, etc. convertiron a LEIRO no triunfador internacional do grupo e nun dos escultores máis interesantes no panorama da arte de finais do século XX.

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75