Pinacoteca galega contemporánea
|
imprimir
|
| 2º metade do século XX (Salas 2.5 - 2.6) |
Sala 2.5. - A ruptura abstracta
 | | Fugas nunha forma vertical. Pedro Solveira. 1993-1994 | A verdadeira vangarda galega dende os anos ‘50 ata principios dos ‘70, estivo na pintura abstracta. Na súa formulación hispánica, xogaron un papel determinante unha serie de artistas galegos establecidos en Madrid. En termos xerais, podemos dicir que esta abstracción agrúpase en dúas grandes tendencias: a informalista (xestual ou lírica) e a xeométrica. O punto de arranque correu a cargo da primeira coa participación de Manuel MAMPASO na Primeira Bienal Iberoamericana celebrada en Madrid en 1951. O primeiro informalismo na súa vertente lírica está representado por “Brétema” de Tino Grandío no que o autor propón unha concepción abstracta da paisaxe. A abstracción xeométrica ten entre os seus principais impulsores a Jose María LABRA cunha proposta de creación de formas modélicas e utópicas. Nas décadas seguintes, estas formulacións xeométricas adquirirán un maior dinamismo (CARUNCHO) e barroquismo (SOLVEIRA).
Nos setenta a corrente informalista na súa vertente expresionista xestual vai asumir influencias da corrente xeométrica resultando obras como "O despacho do presidente” do propio MAMPASO ou “Sin título” de Manuel MOLEZÜN. Finalmente tamén nos setenta, a abstracción lírica dá lugar a xogos espaciais nos que a plasticidade e a cor teñen un papel determinante, como podemos ver en “Negro franxa vermella” de Leopoldo NOVOA.
SALA 2.6. - A neofiguración dende Madrid e Galicia
 | | Parella. Jaime Quessada. n.1937. Óleo sobre lenzo. | A finais dos sesenta e principios dos setenta prodúcese outro xiro na posta ao día da arte galega a través da neofiguración. Mentres que nos artistas que traballan ou se forman en Madrid dito movemento entronca con inercias figurativas inxenuístas (DANS), expresionistas (GRANDIO), ou con referencias máis ou menos obvias a Bacon (Mª Victoria DE LA FUENTE), os artistas galegos formados en Barcelona decántanse por unha posta ao día na linguaxe partindo das propostas neofigurativas anglosaxonas e norteamericanas. O proceso é tinxido de connotacións políticas pois o cambio artístico asumiuse como bandeira do necesario cambio político. Distínguense no proceso dous grupos: os chamados “artistiñas” ourensáns (QUESSADA, DE DIOS; ACISCLO MANZANO, BUCIÑOS...) e outro máis produtivo a longo prazo capitalizado por HUETE, MANTECÓN, etc...
|