Historia do museo
|
imprimir
|
| 2000-2005. Etapa actual |
2000 – 2005. Etapa actual
 | | Pentes. Departamento de Arte | A chegada do equipo actual, que dirixe José Ballesta, caracterízase pola inmersión do museo nun periodo de transformación. A aparición de novos equipamentos museísticos na cidade, como o MARCO, o etnográfico Liste, o Museo do Mar, ou o Espazo de Arte Caixanova; implican unha redefinición do seu papel e contidos, dentro da cidade de Vigo e, en xeral, na comunidade galega. Un problema real é a hipertrofia das súas coleccións que chegaron a colapsar o espazo dispoñible no pazo, situación que en moi curta medida conseguiu remediar a ampliación efectuada en 2000. O acordo co MARCO, para o almacenamento da colección de arte, garantiza emporiso a perfecta conservación da colección; e permitiu gañar en espazo para salas.
Destacan no proxecto actual a posta en marcha de diferentes actuacións para a revitalización do museo. Facilítase a visita libre, en horario amplo e sen guía, por primeira vez na historia do museo; pero esta segue sendo gratuíta. Acométese un intenso programa de conservación das instalacións – pintura, tratamento anticouza, tellado, iluminación, electricidade; etc...-; e ábrese a sala de exposicións temporais do museo que supón, ademáis dun atractivo, un lugar de reflexión sobre o ser e a proxección do museo na comunidade viguesa. Ademáis proponse, de acordo co novo proxecto, unha nova exposición permanente, baseada en conceptos, ao redor dos cales gravitan as obras seleccionadas, que se reducen para proporcionar maior claridade expositiva no discurso cronolóxico que ata entón imperaba.
 | | Catálogo da exposición: "Bouzas-Vigo, cen anos de unión 1904-2004" | A restauración completa do legado Policarpo Sanz, e a exposición permanente dunha selección, é outro dos fitos do museo na actual etapa, na que o museo aumenta o seu número de visitantes - ata traspasar o seu teito dos 30.000, en 2004. Consigue ademáis consolidarse como unha referencia da comunidade escolar, turista e, lentamente, en menor medida, dos cidadáns vigueses como lugar para a aprendizaxe e o disfrute do seu ocio.
O departamento de Historia da cidade, que xa Vázquez Gil impulsara coa realización de exposicións no museo, convértese en obxecto principal agora, dado o seu escaso desenvolvemento anterior, e a necesidade da cidadanía viguesa de dispoñer dun espazo adicado á memoria histórica de Vigo, á sua identidade, o que encontra seu mellor exemplo no éxito das iniciativas como as exposicións adicadas a Bouzas ou á Reconquista.
O aumento de presuposto en 2005, aínda que sempre curto, permite abordar traballos urxentes e a contratación de diversos especialistas para a posta ó día dos sistemas documentais do museo, inventarios e rexistro; así como a ordenación da área de arqueoloxía e o arquivo do museo.
|