Sala de arqueoloxía
|
imprimir
|
| A romanización |
 | | Estela romana de Dionysos e Ampelos. Vigo cidade | Vimos, ó longo do noso percorrido, diferentes monumentos funerarios que, polas súas dificultades de montaxe, se espallan por toda a sala. Constitúen a magnífica colección de estelas funerarias de época romana, unha das mellores da península, descuberta que deu lugar á creación desta sala e a sección arqueolóxica do museo.
Foron atopadas, as mellor conservadas, boca abaixo e xa sen significado, servindo de paso a un regato en época medieval. Polos seus epígrafes documéntase a existencia no Vigo romano dunha poboación procedente de Clunia (Burgos). Son de destacar os motivos en relevo, algunhas escenas, crecentes luares e rosetas, e arcadas. Deseños propios desta zona do noroeste da que son o seu máximo expoñente.
O comercio
Neste sector temos, tamén repartidas pola sala, diferentes formas de ánforas procedentes a maioría da costa portuguesa (traídas entre as súas redes polos pesqueiros de Bouzas); e, nas mesas centrais, moedas romanas de practicamente todos os emperadores. Son dous tipos de obxectos arqueolóxicos que nos falan da importancia do comercio nesta época.
A construcción
A vitrina seguinte mostra algúns elementos utilizados na construcción desta época; os máis frecuentes: tegula e ímbrice para o cubrimento de edificios, estos con marcas de alfar feitas coos dedos, e algunhas pegadas de animais cando aínda estaban frescas.
 | | Busto do emperador romano Marco Aurelio. Legado Policarpo Sanz. | Destacan os tixolos con signos zodiacais procedentes dunha villa destruída en Teis, anacos de mosaico, pórfido e estuco.
Recipientes finos e comúns
Nas vitrinas de parede seguintes, obxectos procedentes de Lancia (León) e de castros galegos ilústrannos novos costumes: a cerámica fina ou de mesa, a de importación, algunha realizada en molde (sigillata); fragmentos de recipientes de vidro, un dado ou unha lámpada de.aceite ou lucerna. Entre a cerámica de uso común destacan as vasixas de almacenaxe e as xarras.
Transporte en barco
A última vitrina está practicamente dedicada ás ánforas, recipientes por excelencia para o transporte en barco. Por ista razón son frecuentes os restos aparecidos no fondo da ría, algúns procedentes de barcos afundidos como en Cabo de Mar, que testemuñan o tráfico marítimo da época nesta zona.
|