Volver a portada castellano
                                   
| |  

Romanización
imprimirimprimir
Pezas singulares

1. SOLIDUS AUREO

Moeda atopada no transcurso da escavación arqueolóxica realizada na rúa Juan Ramón Jiménez (Vigo), foi cuñada polo emperador Constantino III ( 407-411 d. C.) en Lugdunum (Lión). Flavius Claudius Constantinus, foi un militar proclamado Augusto polas lexións da Bretaña nos tempos do emperador Honorio, trasladouse coas tropas á Galia e ocupou Hispania.

2. FRAGMENTO DE PRATO DE SIGILLATA AFRICANA

Fondo de prato de terra sigillata atopada na rúa Pontevedra, Vigo. Está decorada cunha cruz latina estampada con dobre liña e rombos con puntos centrais no interior. Á esquerda represéntase un busto feminino de perfil tocado con diadema. Documéntase a chegada de sigillata africana a Hispania dende o século IV ao VI d. C. Esta cerámica, producida en Túnicia, chega a Vigo a través do comercio marítimo.

3. STILLUS

Peza de forma alongada e cilíndrica que presenta un extremos apuntado e outro achandado. Está decorado con catro baquetóns. Foi atopado na rúa Rosalía de Castro. Utilizábase para escribir en pequenas táboas de cera (tabulae ceratae), co extremo achandado correxíanse os posibles erros chafando os sucos. O acceso a  escritura estaba restrinxido ás capas privilexiadas da sociedade.

4. COLAR DE AMBAR

Colar de 13 doas de diversas formas entre as que destacan tres con forma de cuncha. Os extremos remátanse con dúas doas circulares de cor verde. Forma parte do enxoval dunha tumba da necrópole do Areal.

Villa de Toralla

5. FECHO

Fecho dunha pechadura dos séculos IV – V d. C. Nesta peza encaixaría unha chave en L que desprazaría o pasador. Foi recuperado nas escavacións arqueolóxicas realizadas na villa de Toralla, Oia (Vigo).

6. CERÁMICA PINTADA

Fragmentos de cerámica pintada de importación e de procedencia descoñecida. Forman parte dun gran recipiente atopado na entrada da casa, no que se representan motivos xeométricos e figurativos (paspallás, centauro e cabalo). Esta crátera, de boca ancha e fondo estreito tiña dúas asas rematadas en dobre voluta. A tipoloxía e forma resultante non ten paralelos aínda coñecidos pero presenta semellanza co recipiente que porta na cabeza unha das figuras dunha estela da rúa Pontevedra.

7. LADRILLOS

Ladrillos procedentes do xacemento da Oliveira (Teis, Vigo). A súa maior peculiaridade é que están grabadas cunhas figuras interpretadas como signos zodiacais.

8. ENTERRAMENTO INFANTIL EN ÁNFORA

Ánfora oriental utilizada como enterramento infantil. Excepcionalmente conserva aínda no interior restos óseos dun neno de berce. Procede da escavación realizada, en 1995, na rúa Hospital.

16. ARA FUNERARIA DO ARENAL

Ara funeraria fabricada nun bloque de granito do país. Conserva as tres partes: cabeceira con dous cilindros e focus na parte superior e decorada con liñas horizontais na totalidade do contorno; fuste ocupado polo epígrafe en once liñas coa dedicatoria dunha muller (Iulia) a dúas persoas queridas: ao seu fillo (Iulio Fausto) que morreu con 32 anos e á súa neta (Iulia Durbedia ou Durbidia) e fincón para a súa colocación na terra. A súa forma e decoración é semellante a outra ara existente na sala e atopada en 1953.

17. ESTELA FUNERARIA

A colección de estelas funerarias colocadas nas paredes deste sector apareceu xunto cunha das aras, en 1953, na rúa Pontevedra. A importancia do achado propiciou a creación desta sala no museo. A excelente conservación débese a que foron postas coa inscrición cara abaixo para facer un paso nunha zona anegada por un regato. Xa no momento da súa descuberta se sinalou que, polo tamaño e peso das estelas, a necrópole da que procedían tiña que estar próxima. Crese que o desprazamento se levou a cabo durante a idade media.

Entre os motivos representados as arquerías son o que mellor define o grupo estilístico do litoral pontevedrés, do que este conxunto é o seu maior expoñente.
 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75