Volver a portada castellano
                                   
| |  

Histórico de exposicións
imprimirimprimir
Imaxes do Nadal 2006

Entidade organizadora

Museo Municipal de Vigo Quiñones de León.

Lugar e datas de celebración

Museo Municipal de Vigo Quiñones de León.

Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro de 2007.

Horario da exposición

  • Martes a venres: de 10,00 a 13,30 h  e de 17,00 h a 20,00 h
  • Sábado. 17,00 a 20,00 h.
  • Domingos e festivos: de 10,00 a 13,30 h
  • Luns: Pechada.
  • Pechados os días 25 de decembro e 1 de xaneiro
  • Abertos os días 24 e 31 de decembro; 5, 6 e 7 de xaneiro, nos horarios correspondentes.

Datos técnicos

  • Dirección do proxecto: Ignacio Oliveira López
  • Comisariado e organización: Mariel Larriba Leira
  • Produción e montaxe: Ática Servizos Culturais

Contidos

Nacemento. Tui (Clarisas).
Nacemento. Tui (Clarisas).

A mostra, que permanecerá aberta ao público nas salas de exposición permanente do Museo ata o 7 de xaneiro de 2007, reúne unha magnífica selección de obras escultóricas e pictóricas das coleccións de belas artes do propio Museo Quiñones de León (do Legado de Policarpo Sanz e dos Depósitos do Museo del Prado) e do Museo Diocesano de Tui-Vigo e recupera, como un dos iconos máis más representativos, os beléns barrocos conservados no convento de MM. Benedictinas de Trasmañó e de MM. Clarisas de Tui.

A mostra presenta a iconografía propia do Nadal, unha das festas máis fortemente enraizadas na sociedade galaica na que se collen da man tradicións e relixiosidade. O achegamento ao seu significado faise dende a sinxeleza das representacións da arte popular expresada, as veces, con escasa habelencia, en materiais menos nobres, e por autores case sempre anónimos; ata as meritorias representacións de gran valor artístico de pintores e escultores de recoñecida sona como o renacentista Frei Bartolomeo della Porta, ou, xa na plenitude barroca, os boloñeses Agostino e Annibale Carraci, o sevillano Francisco Antolinez y Sarabia, ou o distinguido artista local Domingo Martínez.

Natividade. S XVIII. Diocesan de Tui-Vigo (Colexiata de Vigo)
Natividade. S XVIII. Diocesan de Tui-Vigo (Colexiata de Vigo)

Hai que destacar a exposición ao publico, por vez primeira, do belén monumental do Mosteiro da Transfiguración do Señor de Trasmañó, que fai desta exposición un evento irrepetible. Datado no século XVIII, as figuras que compoñen este espectacular belén foron executadas en talleres americanos de Lima e enviadas dende o Perú á península. Trátase dun conxunto de imaxes de vestir articuladas, engalanadas con fermosas policromías e ataviadas con ricas vestiduras bordadas e outros aderezos. Un belén excepcional que a tradición conventual soubo conservar ata os nosos días.

A tradición belenística recoñece a San Francisco de Asis como o creador do primeiro belén da historia, no pobo italiano de Greccio na noiteboa de 1223. En España, o primeiro belén do que hai constancia documental montouse polo ano 1300 na catedral de Barcelona. No século XV será a Orde franciscana a que impulse a realización e montaxe de nacementos por toda a Europa católica, gusto que se veu reforzado ao longo do século XVI polo espírito da Contrarreforma, alcanzando o seu maior esplendor no sur de Italia durante o Barroco.

Nº 700 A Virxe co Neno e San Xoán. Della Porta. S XVI
Nº 700 A Virxe co Neno e San Xoán. Della Porta. S XVI

Foron os españois os que introduciron en América o costume do nacemento que adquiriu naquelas terras unha gran vitalidade e un extraordinario desenvolvemento, expresado con gran riqueza artística e material.

Carlos III, que institucionalizou o nacemento mentres ocupou o trono de Nápoles, deu, ao seu regreso a España un gran auxe á exhibición de beléns fora do ámbito eclesiástico, tanto no propio Palacio Real como nas residencias cortesáns, popularizándose en todos os fogares a partir do século XIX.

A exposición, comisariada por Mariel Larriba, ilustra así unha faceta da vida de clara inspiración relixiosa, a tradición de montar beléns durante o Nadal, instaurada na sociedade, tanto en lugares públicos como privados, dende hai máis de setecentos anos; ao tempo que mostra obras pouco coñecidas das colecciones de ambos Museos.

Institucións colaboradoras

  • Museo Diocesano de Tui-Vigo
  • Mosteiro da Transfiguración do Señor (Trasmañó. Redondela)
  • Mosteiro de Santa María da Concepción (Tui)
  • Igrexa parroquial de Nosa Señora da Soidade
 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75