Volver a portada castellano
                                   
| |  

Pinacoteca galega contemporánea
imprimirimprimir
Os renovadores (Salas 2.1 - 2.2)

Sala 2.1. - Xogos de espazo

Nena na galería. Carmen Rodriguez de Legísima. n.1896 - m.1980. Óleo sobre tela.
Nena na galería. Carmen Rodriguez de Legísima. n.1896 - m.1980. Óleo sobre tela.

A representación do espazo convértese nun dos fundamentos básicos da pintura a partir do impresionista francés Degas. Por iso non é estraño que entre os renovadores atopemos  múltiples variantes: SOUTO reformulouno buscando distintas solucións: simultaneidade de distintos puntos de vista, distorsión espacial, perspectiva aberrante, etc...

Nos bodegóns de MASIDE vemos ben presente a influencia de Cezanne; mentres que COLMEIRO apunta á distorsión propia do expresionismo alemán.

Chama a atención Carmen LEGISIMA, coa súa obra “Nena da galería”, pola orixinalidade do encadre e a superposición de planos que suprime a gradación espacial en profundidade da pintura tradicional.

Sala 2.2. - A pervivencia da imaxe

A  arte do  século XX non só xogou coa forma senón tamén coas imaxes e volveu ás veces  sobre os antigos símbolos. A  utilización de imaxes descontextualizadas é o  mecanismo fundamental da creación surrealista á que recorre constantemente MARIO GRANELL.

Xogando na praia. Mario Fernández Granell. 1973. Acrílico sobre lenzo.
Xogando na praia. Mario Fernández Granell. 1973. Acrílico sobre lenzo.

COLMEIRO atopa aquí os seus  referentes nas tres grazas clásicas. En SOUTO aparece o tema do anxo caído que probablemente remita á experiencia da  guerra civil. A máscara boneco, o espantallo, en LAXEIRO, de novo en SOUTO, lévanos á  cuestión da deshumanización do home característica do  século XX.

O caso do pintor coruñés, morto en Vigo, Urbano LUGRÍS é singular na creación plástica galega do pasado século. A transitoriedade da vida é o leit motive do pintor que traballa reiteradamente co vello xénero da vanitas como manifesta en modo arquetípico a “Habitación do vello mariño”.
 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75