Admirar o Tempo. Reloxos no Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León"
Entidade organizadora
Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León” e Departamento de Cultura do Concello de Vigo.
Lugar e datas de celebración
Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”. Do 13 de xuño (20.00 horas.) ao 14 de setembro de 2007.
Comisaria
Mariel Larriba Leira. Técnica de museos e documentalista.
Colaboracións
De D. José Luis Basanta (experto en reloxería galega) e de Dna. Amelia Aranda (conservadora da colección de reloxos de Patrimonio Nacional). Autores ambos de numerosos artigos e libros sobre o tema.
Contidos
O Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”, na súa tarefa de poñer en valor o patrimonio artístico da cidade que conserva, propón neste novo proxecto expositivo presentar a súa colección de reloxos.
As coleccións de artes aplicadas do museo, representadas polo conxunto de elementos de carácter moble que ambientan actualmente o pazo: mobiliario, pratería, cerámica, reloxos, etc., son as menos coñecidas dos seus fondos. Comezamos agora a albiscar a súa importancia, relegada ata a data a un segundo plano pola excepcional colección de pintura do museo.
Os reloxos, que proceden fundamentalmente do legado que D. José Policarpo Sanz deixou á cidade, conforman un conxunto breve pero excepcional pola súa indubidable calidade e valor artístico. O museo acometeu este ano a súa restauración e posta en funcionamento, así como o seu estudo e catalogación. Con este motivo amósanse ao público acompañados doutras meritorias pezas procedentes de institucións e coleccións de ámbito galego, que colaboraron xenerosamente con este proxecto do museo de Vigo. Xunto ás admirables realizacións dos obradoiros europeos poderemos apreciar as que nesas centurias xurdían das hábiles mans e dos coñecementos técnicos dos máis prestixiosos reloxeiros galegos. A exposición deste conxunto de obras dos séculos XVIII, XIX e XX, permitiranos afondar no significado e interpretación dos reloxos como obxectos ornamentais nos que se unen a beleza e a tecnoloxía.
Non queriamos esquecer, nesta pequena homenaxe á arte da reloxería, a un dos seus grandes artífices na nosa cidade, Evangelino Taboada. Da súa mestría dá fe o reloxo mecánico do Instituto Santa Irene, edificio emblemático do noso patrimonio cultural, que coas súas badaladas acompaña aos vigueses a recibir cada novo ano.
Os obxectos a exhibir, polas súas características formais, transmiten a mensaxe estética de maneira inmediata, é por isto que o enfoque da narración se sitúa entre o puramente estético e o didáctico de xeito que, aínda que a mostra estea dominada pola presentación dos obxectos, o seu fío condutor descansa na exposición razoada dos contidos. Dentro do relato xeral, estableceranse puntualmente breves secuencias descritivas en obxectos significativos, para satisfacer ao público interesado en “saber máis”.
Na planta baixa do pazo, e contando coas súas instalacións, farase a presentación das obras agrupándoas segundo as súas características formais e decorativas, incorporándoas á exposición permanente cos recursos ambientais existentes.
Relación de obras que se exporán
Xunto aos reloxos do Museo procedentes do Legado de Policarpo Sanz, mostraranse 16 obras destacadas do Museo de Pontevedra, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, Colección de Reloxos do Concello de A Coruña, Museo Basilio Sobrecueva (Cangas de Onís), e diversos coleccionistas privados.
Elementos de comunicación co público
Con motivo da exposición edítase unha monografía na liña das publicacións das exposicións temporais organizadas polo Museo. Recolle os traballos de: Mariel Larriba Leira, comisaria da mostra; Amelia Aranda Huete, Conservadora de reloxos de Patrimonio Nacional; e José Luis Basanta Campos, experto en reloxería galega. A publicación quere dar a coñecer e valorizar os bens do municipio, xunto aos das coleccións menos coñecidas doutros museos e institucións galegas, poñendo de relevo a súa importancia e significación tanto para Galicia como para a Arte.
Editase tamén un folleto/guía de man que axude á visita, e sirva tamén para publicitala.
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75